Sin categoría

Óscarín: “Temos un grupo humano espectacular e imos loitar polo ascenso ata o final”

O adestrador do Futsal A Baña analiza a gran tempada do equipo antes do play-off de ascenso ante o Jogafán Ordes.

O Futsal A Baña afronta esta fin de semana un dos partidos máis importantes da súa curta pero ambiciosa historia. O conxunto dirixido por Óscar Villaverde “Oscarín” disputará o play-off de ascenso a Terceira División fronte ao Jogafán Ordes, nunha eliminatoria que chega despois dunha gran campaña do cadro bañés en Preferente Futgal.

Con experiencia en clubs históricos do fútbol sala galego como o Lobelle de Santiago, Noia Portus Apostoli ou A Estrada Futsal, Oscarín lidera un proxecto que non deixa de medrar desde a súa creación. O técnico repasa para Galicia Sport a evolución do club, o ambiente que rodea ao equipo e as sensacións antes dunha cita decisiva.


“O obxectivo desde o primeiro día era levar o club a Terceira División”

GS: Óscar, antes de falar do play-off, cóntanos un pouco da túa traxectoria no fútbol sala. Estiveches anteriormente en Noia, pero xa levas toda a vida vinculado a este deporte, non?

Oscarín:
“Si, practicamente toda a vida. En Noia estiven como xogador e tamén na coordinación da base, pero antes xa empezara un pouco na cultura Lobelle de Santiago, xusto cando comezou aquela etapa forte do club e o ascenso á Primeira División. Estiven como xogador do filial e tamén empezando a adestrar categorías base e sacando as titulacións.

Logo veu a época de Noia como xogador e tamén levando equipos da base e coordinación. Máis tarde volvín a Santiago para adestrar ao xuvenil nacional e ao cadete autonómico, ata que apareceu a oportunidade de A Estrada Futsal en Segunda B, onde estiven tres anos. E despois chegou o Futsal A Baña.”


“O proxecto naceu coa idea de ascender rápido”

GS: Como nace este proxecto do Futsal A Baña e como foi medrando tan rápido?

Oscarín:
“O presidente, Pablo, púxose en contacto comigo no verán de 2024 porque quería crear un proxecto novo e ambicioso, coa idea de estar nos menos anos posibles en Terceira División.

Fixemos un equipo competitivo para conseguir eses obxectivos, aínda que tivemos que empezar desde a categoría máis baixa porque era un club practicamente novo. O ano pasado conseguimos o ascenso desde Provincial facendo unha moi boa tempada e este ano o obxectivo era volver pelexar polo ascenso ou, como mínimo, entrar no play-off. E aquí estamos.”


“Estivemos moi preto do ascenso directo”

GS: Porque realmente o equipo estivo moi preto do ascenso directo.

Oscarín:
“Si. O Meigallos fixo unha gran tempada tamén. Nós gañámoslles aquí e eles gañáronnos alí. Durante moitas xornadas foi cousa dos dous equipos, porque xa había bastante diferenza cos demais clasificados.

Ao final deixamos escapar puntos en partidos nos que non debiamos facelo e iso penalizounos. O mérito do ascenso directo é deles, pero tamén creo que nós deixamos de facer algunhas cousas ben nalgún tramo pequeno do curso e cando todo está tan axustado nótase.”


“Vai haber un ambiente moi bonito”

GS: Agora chega o play-off e hai unha ilusión enorme arredor do equipo.

Oscarín:
“Si, porque ao final son partidos que gusta xogar. É unha eliminatoria a vida ou morte e ademais temos a vantaxe de campo e da clasificación. Se hai empate total, pasaríamos nós tras a prórroga.

Hai moitas ganas, moita ilusión e creo que vai haber un ambiente moi bonito. O Jogafán tamén vai traer xente e penso que será unha festa do fútbol sala. A Preferente tamén merece este tipo de partidos e ambientes.”


“Foi unha moi boa tempada”

GS: Durante a tempada xa se notaba esa ilusión na vila?

Oscarín:
“Si, aínda que en A Baña tampouco temos unha masa social enorme. Vai moita xente próxima aos xogadores, familiares, amigos e xente da directiva, pero sempre houbo ilusión por facer algo importante.

É certo que tivemos lesións e algunha dificultade extradeportiva no tramo final, e iso fixo que deixáramos escapar puntos. Pero os números están aí. Foi unha moi boa tempada.”


“Temos unha plantilla moi comprometida”

GS: Como definirías esta plantilla do Futsal A Baña?

Oscarín:
“É unha mestura moi boa de xente nova con xogadores veteranos. Hai moitos que levan anos comigo e que xa considero amigos persoais.

Temos un grupo humano espectacular, moi comprometido e ambicioso. Agora toca poñerse o mono de traballo e facer as cousas ben para intentar conseguir o obxectivo.”


“O Jogafán vaino poñer moi difícil”

GS: Que esperas desta eliminatoria ante o Jogafán Ordes?

Oscarín:
“Espero unha eliminatoria moi igualada. Nós gañámoslles aquí e eles gañáronnos alí merecidamente. Son un equipo moi competitivo, moi traballado e con xogadores experimentados.

Nun play-off xa non importan os puntos da liga. Aquí é vida ou morte e todo se iguala moitísimo. Nós tamén temos as nosas armas e creo que contamos cunha plantilla moi longa e competitiva a nivel grupal, pero vai ser moi complicado.

Quizais por clasificación ou por plantilla se nos poida considerar favoritos, pero nestes partidos iso vale de pouco.”


“Chegamos ao partido co equipo ao completo”

GS: Como afrontades estes últimos días antes do encontro?

Oscarín:
“Estamos adestrando martes e xoves e xa a semana pasada seguimos traballando aínda sen competición. O equipo está moi enchufado e con ganas de que chegue o sábado.

Por sorte, a día de hoxe temos a plantilla ao completo e iso tamén é importante para afrontar un partido destas características.”


“O importante será desfrutalo coa nosa xente”

GS: E se superades esta eliminatoria, tocaría unha finalísima.

Oscarín:
“Si, contra o gañador do Rábade-Alto do Vento, que tamén vai ser unha eliminatoria moi dura. Pero primeiro temos que centrarnos no noso.”

GS: Para rematar… hai promesa en caso de ascenso?

Oscarín:
“(Ri) Máis que promesas, o importante será desfrutalo coa xente que sempre está aí, cos compañeiros, cos amigos e con toda a xente que apoia o club. Iso é o que realmente queda para o recordo.”

Compartir en: