Samuel Ríos, xogador do Queixas e máximo goleador da Primeira Futgal: «Volvo gozar xogando»
ENTREVISTA | PRIMEIRA FUTGAL
Samuel Ríos converteuse nun dos grandes protagonistas do inicio de tempada na Primeira Futgal. O xogador do Queixas suma oito goles nas oito primeiras xornadas e lidera a clasificación de goleadores da categoría.
O seu rendemento tamén está a contribuír ao gran comezo do conxunto de Cerceda, que ocupa a segunda posición con dezasete puntos. Despois de varias lesións que lle impediron ter continuidade desde a súa chegada ao club, Ríos volve sentirse ben fisicamente, recuperou a confianza e, sobre todo, está gozando de novo sobre o terreo de xogo.
Nesta entrevista con Galicia Sport, Ríos analiza o seu momento persoal, as claves do crecemento do Queixas, o obxectivo do equipo e unha traxectoria deportiva moi vinculada ao Ordes.
GALICIA SPORT: Samuel, oito goles en oito xornadas e máximo goleador da categoría. Como estás vivindo este inicio tan especial?
RÍOS: Pois moi feliz, principalmente polo equipo, por estar aí arriba, e tamén a nivel persoal, por estar achegando goles e volvendo gozar xogando.
«Estou moi feliz por estar achegando goles e volver gozar xogando»
GALICIA SPORT: A pasada tempada pechaches a Liga con dous goles e neste curso xa levas oito. A que atribúes este salto tan grande na túa achega ofensiva?
RÍOS: Este ano atópome fisicamente moi ben, con confianza e, sobre todo, gozando xogando, algo que levaba tempo sen pasarme.
Desde que cheguei ao Queixas tiven varias lesións que non me permitiron ter continuidade e, ao regresar de cada unha delas, volvía nun estado de forma baixo.
Espero ter esta tempada esa continuidade que me faltou e seguir gozando.
«Espero ter a continuidade que me faltou e seguir gozando»
GALICIA SPORT: O Queixas suma dezasete puntos e ocupa a segunda posición. Despois dun inicio tan potente, que sensacións vos deixa o equipo?
RÍOS: A verdade é que ninguén contaba con que estivésemos aí arriba, pero o equipo está a deixar boas sensacións a nivel de intensidade e ganas, que é o que nos pide o míster.
Se estamos concentrados e somos intensos en cada partido, vai ser difícil que nos gañen.
«Ninguén contaba con que estivésemos aí arriba»
GALICIA SPORT: Alternastes partidos moi sólidos con encontros de moito intercambio de goles. Que cres que debe axustar o Queixas para manter esta posición nunha Liga tan igualada?
RÍOS: Debemos ser máis sólidos en defensa e evitar os descoidos, porque a maioría dos goles dos rivais chegan por erros parvos nosos.
«Debemos ser máis sólidos en defensa e evitar os descoidos»
GALICIA SPORT: Pasaches polo San Tirso e polo Ordes antes de asentarte no Queixas. Que che deu cada etapa e que atopaches en Cerceda para render a este nivel?
RÍOS: Eu son de Ordes e xoguei alí toda a vida, agás o ano no que marchei ao San Tirso en categoría cadete e agora, desde que fichei polo Queixas.
O Ordes deume as amizades que teño hoxe en día, permitiume aprender de moi bos adestradores e cumprir o “soño” de poder xogar no primeiro equipo.
Na miña etapa no San Tirso quería competir nunha categoría superior. Foi unha etapa moi boa de aprendizaxe e gárdoa con moito cariño.
«Co Ordes cumprín o soño de poder xogar no primeiro equipo»
GALICIA SPORT: Na tempada 2022-23 xa marcaches 21 goles co Ordes B. Sempre tiveches esa facilidade para chegar á área ou é algo que fuches desenvolvendo cos anos?
RÍOS: Naquela tempada e nesta estou xogando máis en punta, que é unha posición na que me sinto moi cómodo.
Pero si, gústame e intento chegar sempre á área, independentemente da posición na que xogue.
«Gústame e intento chegar sempre á área»
GALICIA SPORT: A nivel persoal, en que momento te atopas como futbolista e que obxectivos te marcas esta tempada?
RÍOS: A nivel persoal, atópome nun estado de forma físico que non tiña desde hai anos. Desde o verán levo adestrando pola miña conta, á parte dos adestramentos de fútbol, e notei un cambio importante.
Tamén está o que comentaba anteriormente: ter continuidade e non sufrir lesións é unha das claves para que poida ofrecer este rendemento.
O meu obxectivo é continuar como estou ata agora, achegando ao equipo para sumar puntos, non ter lesións e, sobre todo, conseguir os obxectivos colectivos.
«Atópome nun estado de forma físico que non tiña desde hai anos»
GALICIA SPORT: Ata onde pode chegar este Queixas se mantén a ambición e o rendemento destas primeiras xornadas? Que obxectivo vos marcades como equipo?
RÍOS: O noso obxectivo principal é a permanencia. Queremos conseguir canto antes os puntos necesarios para estar tranquilos e, unha vez que os teñamos, dependendo do momento da tempada no que nos atopemos, intentaremos ir a por máis se é posible.
Somos un equipo humilde. Penso que somos dos poucos nos que ningún xogador cobra e iso tamén é un factor importante á hora de marcar obxectivos ao principio da tempada.
Aínda así, creo que, se continuamos nesta dinámica, podemos estar pelexando por cousas importantes ao final da tempada.
«Se continuamos nesta dinámica, podemos pelexar por cousas importantes»
GALICIA SPORT: A Primeira Galicia presenta unha competición moi igualada. Que equipos ves como favoritos para pelexar polos postos altos e cal cres que pode ser a revelación da tempada?
RÍOS: Aínda só se disputaron oito xornadas e pódese ver que non existe unha diferenza moi grande de puntos. É unha Liga moi competitiva na que resulta moi difícil gañar cada partido.
Penso que os equipos que van loitar por estar aí arriba son o Praíña, o Bertamiráns e o Calo.
Como equipo revelación, poría o Boimorto. En principio, non se sabía se o equipo se ía desfacer e, a día de hoxe, está a obter bos resultados.
Tamén nos poño a nós como un dos equipos revelación ata o momento, porque ninguén contaba con que estivésemos aí arriba a estas alturas.
«Tamén considero o Queixas un dos equipos revelación»
Coñecendo a Samuel Ríos
Samuel ou Ríos?
Ríos.
Gol ou asistencia?
Gol.
Un referente futbolístico?
Sempre fun do Bicho.
O mellor xogador co que compartiches vestiario?
Álex Sánchez, do Ordes.
Un compañeiro ao que sempre quererías ter no teu equipo?
Mateo Viqueira. Sempre nos entendemos ben no campo.
O máis bromista do vestiario do Queixas?
Hai varios, pero os que máis graza me fan son Michael e Aarón.
Un gol que nunca esquecerás?
O gol contra o Visantoña na última xornada, que nos deu o ascenso co Ordes B.
Tes algunha manía antes dos partidos?
Entrar ao campo co pé dereito.
A túa comida favorita?
Un bo churrasco.
Unha canción para escoitar antes de xogar?
Ultimamente, os que imos sempre no coche aos partidos poñemos Tacatá Remix.
Unha palabra para definir o Queixas?
Unión.
