GALICIA SPORTPolideportivo

Cinco taekwondistas galegos acadan metal no Open de Polonia

A pasada fin de semana celebrouse o Open de Polonia cunha gran participación de taekwondistas galegos e magníficos resultados: Iván García foi ouro; Alma Pérez, prata e Miryam García e Arlet Ortiz lograron a medalla de bronce.

Iván García (+87, Mat ́s) fixo unha moi boa competición, ante rivais duros. No primeiro combate superou ao representante de Ucraína Serhii Babenko de forma clara (22-11). Na semifinal enfrontouse a Cem Unlusoy (Alemaña) e volveu ser moi superior (20-6), para plantarse así na final. Aquí esperaba Iván Sapina (Croacia) un vello coñecido de Iván ao que lle tiña gañas, xa que hai varias tempadas, en -87 quilogramos, perdera en dúas ocasións. Sapina viña ademais de competir nos Xogos e, por tanto, era unha boa referencia para o noso taekwondista. E a resposta de Iván foi excepcional vencendo por 20-8 e logrando o ouro no Open de Polonia.

Alma Perez (-53, Suh Boiro) fixo un total de catro combates para acadar a medalla de prata. No primeiro superou con absoluta notoriedade (30-4) a Sara Mouch (Países Baixos), para posteriormente enfrontarse en cuartos de final a Julia Ronken (Alemaña), ante a que logrou unha vitoria cómoda (18-7). Na semifinal tivo como rival a Luca Patakfalvy (Hungría), que fora a deportista coa que Alma perdera no Europeo sénior no mes de abril, pero nesta ocasión a galega fixo un gran combate e venceu por 12-7. Na final loitou ante Laura Rodríguez, e aquí a galega non estivo cómoda e cometeu varios errores, polo que caeu por 15-3. ¡Prata para Alma!

Miryam García (Patiño) foi bronce en -62 quilogramos. Comezou o Open ante Julie Ramsey (Noruega) e a nosa deportista foi moi superior, gañando por diferenza de +20. No segundo combate enfrontouse a Csenge Patakfalvy (Hungría), nunha loita moi axustada, na que a galega venceu para meterse nas semifinais. Alí esperaba a cabeza de serie número 1 e campioa de Europa, Bruna Vuletic (Croacia), coa que xa se enfrontara hai uns días no Open de Estonia. Miryam plantou cara de principio a fin, tanto que o combate tivo que decidirse no punto de ouro, e foi a favor de Vuletic.

E rematamos coa última medalla galega, que foi para Arlet Ortiz (-57, Mat ́s). Arlet gañou no primeiro combate á croata Lea Spehar por diferenza de vinte puntos (4-24), cunha gran actuación. Posteriormente, enfrontouse á lituana Klaudija Tvaronaviciute, unha deportista habitual no Grand Prix e a nosa taekwondista foi dominando o combate para finalizar cun triunfo cómodo (11-3). E na semifinal, unha recente coñecida, Faith Dillon (Estados Unidos), medallista europea e que superou a semana pasada no Open de Estonia a Arlet. Repetiuse a vitoria para a estadounidense (14-24) e Arlet Ortiz tivo que conformarse coa medalla de bronce.

Houbo máis galegos no Open de Polonia, como Tania Castiñeira ou Manu Parada, pero nesta ocasión non puideron estar nos primeiros postos.

(NOTA DE PRENSA ENVIADA POR MILA ALONSO, RESPONSABLE DE COMUNICACIÓN DA FEDERACIÓN GALEGA DE TAEKWONDO)

Compartir en: