Bárbara Caamaño, capitá da Esteirana: «O noso obxectivo é recuperar a categoría»
ENTREVISTA | FÚTBOL FEMININO
Bárbara Caamaño asinou un comezo de temporada extraordinario: 17 goles nas cinco primeiras xornadas e catro tantos na última vitoria da Esteirana fronte ao Ponteceso.
Capitá, referente e unha das impulsoras do regreso do equipo feminino do club, a atacante analiza o seu momento persoal, o crecemento do grupo e as consecuencias dunha resolución federativa que provocou o descenso da Esteirana malia conseguir a permanencia sobre o terreo de xogo.
Nesta entrevista con Galicia Sport, Bárbara tamén fala do obxectivo de volver loitar polo ascenso, da evolución do fútbol feminino e da responsabilidade de representar o club da súa casa.
GALICIA SPORT: Bárbara, 17 goles nas cinco primeiras xornadas e máxima goleadora da categoría. Como estás a vivir este comezo de temporada tan espectacular?
BÁRBARA CAAMAÑO: A verdade é que estou moi contenta, non vou dicir que non. É un comezo moi bo a nivel persoal, sobre todo porque estou tendo esa facilidade de cara ao gol que ás veces non tes.
Cando as cousas van así dá gusto, aínda que tamén sei que queda moita temporada por diante. Intento gozar do momento, seguir traballando e non acomodarme, porque despois veñen os días nos que non entra ningunha (risas).
«Intento gozar do momento, seguir traballando e non acomodarme»
GALICIA SPORT: Vés de marcar catro goles na vitoria por 0-7 fronte ao Ponteceso. Entras agora mesmo ao campo coa sensación de que practicamente todo o que intentas pode rematar en gol?
BÁRBARA CAAMAÑO: Oxalá fose sempre así! (risas). A verdade é que, cando estás nunha boa dinámica, parece que che sae todo un pouco máis fácil e tes esa confianza para intentar cousas que noutras ocasións quizais pensas máis.
Pero non, non sempre entra todo. Igual necesito dez tiros para marcar un gol; depende do día.
«Cando estás nunha boa dinámica, parece que todo che sae un pouco máis fácil»
GALICIA SPORT: Pechaches a temporada 2024-25 con 51 goles e na pasada campaña marcaches outros 28. Como explicas esa regularidade e que cres que te converte nunha futbolista tan determinante nos últimos metros?
BÁRBARA CAAMAÑO: Creo que vén un pouco de ter facilidade para chegar a eses últimos metros, saber colocarme e contar con compañeiras que confían en min para darme o balón.
Creo que teño esa capacidade de estar no lugar adecuado e aproveitar as ocasións que teño, incluso os fallos das rivais. Son moitos anos xogando e vas adquirindo experiencia, polo que cada vez sabes mellor onde tes que estar.
Despois tamén hai días nos que tes máis sorte ca outros, que iso tamén conta!
«Teño a capacidade de estar no lugar adecuado e aproveitar as ocasións»
GALICIA SPORT: Con cifras tan elevadas, sentes certa presión por marcar en cada partido ou aprendiches a convivir con esa responsabilidade dentro do equipo?
BÁRBARA CAAMAÑO: Ao principio quizais pensaba máis niso, pero co tempo aprendes que non podes saír ao campo coa tensión de ter que marcar.
Evidentemente, cando levas tantos goles sempre queres continuar sumando e esixes un pouco máis de ti mesma, pero tamén sei que non todos os partidos van ser iguais.
Intento non obsesionarme con marcar, centrarme en gozar xogando e axudar no que poida. E, se entran os goles, moito mellor (risas).
«Intento non obsesionarme con marcar e centrarme en gozar xogando»
GALICIA SPORT: Despois de perder na primeira xornada, a Esteirana encadeou catro vitorias e xa está loitando na zona alta. Que cambiou no equipo desde aquela estrea?
BÁRBARA CAAMAÑO: Realmente, creo que non cambiou tanto como parece. Naquel primeiro partido tiñamos moitas baixas importantes e agora simplemente estamos todas.
Como equipo atopámonos nun moi bo momento físico e iso nótase á hora de competir. Fomos adquirindo confianza e mantemos un moi bo nivel nos adestramentos, aínda que o adestrador se queixe porque falamos moito (risas). Creo que cada vez nos entendemos mellor.
Ao final, cando comezan a chegar as vitorias, todo se ve doutra maneira e o ambiente é mellor. Pero penso que a clave está en continuar traballando e non acomodarnos.
«A clave está en continuar traballando e non acomodarnos»
GALICIA SPORT: A pasada temporada conseguistes a permanencia sobre o terreo de xogo, pero unha resolución federativa acabou provocando a exclusión do equipo e o seu descenso de categoría. Como capitá, como vivistes aquel momento e ata que punto se converteu nunha motivación adicional para esta temporada?
BÁRBARA CAAMAÑO: Foi un momento moi duro, sobre todo polo traballo que fixemos no campo para conseguir esa permanencia. Houbo moita impotencia e tamén tristeza, porque vivimos unha situación excepcional, marcada polas lesións e por outras circunstancias da temporada.
Pero o que máis impotencia me provocou foi que se chegase a esa situación porque o outro equipo non quixo vir enfrontarse a nós por medo a perder, en vez de competir, que para iso xogamos ao fútbol: para demostrar o que vale un equipo sobre o terreo de xogo, non nos despachos.
Pero toca levantarse e seguir. Agora queremos gozar do fútbol que hai na Costa, loitar por estar aí arriba e poder optar ao ascenso se ao final da temporada o demostramos cos números.
O único que pedimos é que, se conseguimos gañalo no campo, non se nos prive desa oportunidade.
«O fútbol serve para demostrar o que vale un equipo sobre o terreo de xogo, non nos despachos»
GALICIA SPORT: Es de Esteiro, capitá e unha das grandes referentes do equipo. Que supón para ti defender o club da túa casa e que responsabilidade sentes cara ás xogadoras máis novas?
BÁRBARA CAAMAÑO: Para min é algo moi especial. Cando decidimos montar isto, eu máis Leti —burro diante para que non se espante, como diría ela—, pensamos que non o iamos conseguir, pero está máis que superado.
Despois de tantos anos xogando fóra, poder facelo no equipo da casa, coa xente que xa é case familia e diante de persoas que levan moitos anos apoiándome e que antes non podían vir verme todo o que lles gustaría, é unha sorte.
Como capitá intento que todas esteamos a gusto e que non nos falte de nada. Tamén me fai moita ilusión que as nenas das categorías inferiores veñan adestrar con nós, que se sintan parte do equipo e vexan que teñen aquí un lugar, porque elas van ser o futuro.
«Xogar no equipo da casa, coa xente que xa é case familia, é unha sorte»
GALICIA SPORT: Hai algúns anos afirmabas que o fútbol feminino estaba medrando pouco a pouco e comezaba a ter máis repercusión. Que evolución percibiches desde entón e que consideras que aínda queda por mellorar?
BÁRBARA CAAMAÑO: É certo que avanzamos bastante. Nótase que cada vez hai máis nenas xogando, máis equipos e máis xente interesada no fútbol feminino.
Eu, que levo xa uns cantos anos nisto, si que percibo esa evolución e tamén unha maior visibilidade, que é moi importante.
Pero aínda queda moito por facer. Faltan recursos, apoio e, sobre todo, que as condicións sexan cada vez máis similares ás do fútbol masculino.
Aínda así, eu non son das que comparan constantemente. Simplemente esixo aquilo que considero que debemos ter.
«Cada vez hai máis nenas xogando, máis equipos e máis interese polo fútbol feminino»
GALICIA SPORT: A nivel persoal, en que momento te atopas como futbolista e que obxectivos segues marcándote despois de tantos anos e tantos goles?
BÁRBARA CAAMAÑO: Creo que estou nun bo momento e síntome con confianza. Por moitos anos que leves, sempre tes aspectos que mellorar e aparecen novos retos.
Non me marco grandes cifras nin penso demasiado nos goles que quero conseguir, pero, obviamente, sempre queres superar os teus números para esixirte un pouco máis.
E, se non é a nivel individual, será a nivel colectivo. O meu obxectivo agora mesmo é continuar gozando e loitar por esa Copa da Costa á que tantas ganas lle temos.
«O meu obxectivo é continuar gozando e loitar pola Copa da Costa»
GALICIA SPORT: Cal é o verdadeiro obxectivo da Esteirana esta temporada? Pódese falar abertamente de recuperar a categoría?
BÁRBARA CAAMAÑO: Por suposto que si. Sería absurdo dicir que non nos gustaría recuperar a categoría.
Despois do que sucedeu a temporada pasada, é algo que todas temos na cabeza. Eu creo que é pola festa (risas). Pero sabemos que non vai ser fácil.
Temos un grupo con moitas ganas e ilusión, e creo que podemos facer unha boa temporada. Persoalmente, teño moitas ganas de volver demostrar o que podemos facer e de loitar por ese ascenso.
Despois xa veremos onde nos coloca a competición, porque temos esa limitación de non poder ascender.
«O noso obxectivo é recuperar a categoría»
GALICIA SPORT: Polo visto nestas primeiras xornadas, que equipos consideras favoritos para loitar polo ascenso e cal pode ser a revelación do grupo?
BÁRBARA CAAMAÑO: Aínda é cedo para facer valoracións, porque a competición acaba de comezar e seguro que haberá sorpresas.
Pero, polo que estiven vendo nos resultados, Cerqueda, Fisterra e Bastavales van estar aí arriba. Creo que a loita vai estar bastante igualada e ninguén se pode permitir perder, porque despois será difícil recuperar eses puntos.
Penso que vai ser unha Liga na que calquera equipo pode complicarche un partido, así que nós temos que centrarnos no noso e non regalar nada.
«Temos que centrarnos no noso e non regalar nada»
Coñecendo a Bárbara Caamaño
Fútbol once ou fútbol sala?
Fútbol sala.
Unha referente futbolística?
Vero Boquete.
A mellor xogadora coa que compartiches vestiario?
Bárbara Sierra.
Unha compañeira que sempre quererías ter no teu equipo?
Marta Piñeiro, a miña prima.
A máis bromista do vestiario da Esteirana?
Leti.
Un gol que nunca esquecerás?
O gol de penalti que supuxo o 3-4 e que nos deu o ascenso á Primeira División Feminina da L.G.F. co Bergantiños.
Tes algunha manía antes dos partidos?
Si. Sempre fago o quecemento coas espinilleiras postas e co reloxo. Antes de pisar o campo, teño que dar tres saltos coa perna dereita.
Que fas para desconectar do fútbol?
A verdade é que non me gusta desconectar do fútbol. Sempre intento estar vinculada a el.
A túa comida favorita?
Tortilla pouco feita.
Unha canción para escoitar antes de xogar?
Como un can, de Kid Mount.
Unha palabra para definir a Esteirana?
Sentimento.
