Louro, capitán do Visantoña: “Foi un dos días máis felices desde que practico este deporte” ⚽💙
O Visantoña CF conseguiu o ascenso despois dunha tempada espectacular, devolvendo a ilusión a todo un club e a unha afección que nunca deixou de empurrar. Un dos grandes protagonistas foi o seu capitán, David Louro, referente dentro e fóra do campo e autor dun dos goles no partido decisivo.
Charlamos con el sobre o ascenso, o vestiario, a afección e o que significa seguir desfrutando do fútbol aos 38 anos.
GS: David, o Visantoña consegue o ascenso despois dunha tempada espectacular. ¿Que sentiches ao rematar o partido?
David Louro:
“Despois de levar moitos anos preto, pero sen poder conseguilo, a sensación foi de traballo ben feito. E sobre todo ver os afeccionados do Visantoña, que non fallan a un partido, tan felices… foi unha alegría inmensa.”
GS: Ademais do ascenso, marcaches un dos goles do partido decisivo. ¿Como viviches ese momento?
David Louro:
“Medio gol foi de Brais. O pase foi perfecto e, cando recibín ese balón, sentín tranquilidade porque sabía que ía acabar dentro.”
GS: ¿Onde colocas este ascenso dentro da túa traxectoria futbolística?
David Louro:
“Tiven etapas moi distintas e noutros niveis máis altos, pero para min foi un dos días máis felices, sen dúbida, desde que practico este deporte.”
GS: Desde fóra vese un Visantoña moi unido. ¿Que ten este vestiario de especial?
David Louro:
“A calidade humana de moitos xogadores.”
GS: ¿Cal cres que foi a clave para que este equipo lograse o ascenso?
David Louro:
“Para min, a clave foi o compromiso de moitos xogadores que viñan adestrar sempre, aínda que non xogasen. Iso mellora o ritmo xeral e nestas categorías sempre é difícil atopar algo así. Por exemplo, Andrés: para min foi clave que un xogador da súa calidade non abandonase, porque podería xogar en moitos equipos.”
GS: Como capitán, ¿que intentabas transmitirlle ao grupo nunha tempada con tanta presión por conseguir o ascenso?
David Louro:
“Tranquilidade. Eramos un equipo novo e había nervios. Intentei quitarlle responsabilidade ao grupo e tomalo sempre con humor. É só un deporte e hai que vivilo así. Moitas veces, a seriedade vai da man dos nervios.”
GS: ¿Que rival che pareceu o máis forte da categoría esta tempada?
David Louro:
“O rival máis forte para min foi o Teixeiro. Oxalá poidan ascender tamén.”
GS: ¿Houbo algún equipo que che sorprendese especialmente este ano?
David Louro:
“Sorprendeume o Vizoño B. Non esperaba que competisen tanto.”
GS: Dá a sensación de que este Visantoña tiña unha plantilla moi forte e moi completa. ¿Erádes conscientes desde dentro do potencial que tiña o equipo?
David Louro:
“Sabiamos desde un principio que iamos pelexar, pero iso depende moito das lesións. Este ano, por sorte, respectáronnos. Ao final, nestas categorías sempre hai dous ou tres xogadores moi importantes nos equipos de arriba, e por sorte nós incluso tiñamos máis, ademais de evitar lesións e sancións.”
GS: ¿Que significa o Visantoña para ti despois de tantos anos?
David Louro:
“Teño a sorte de que sempre me sentín querido en todos os lados, pero a parte de isto en Visantoña sentín paz. Ao final, iso é o máis importante.”
GS: ¿Que importancia tivo a afección e a xente do club durante toda a tempada?
David Louro:
“A afección do Visantoña é esixente, pero ao mesmo tempo incrible. Non falla nunca. É moi raro ver que nun sitio con tan pouca poboación se viva o fútbol como aquí. Ademais, é xente cercana, moi boa, que che axuda en calquera cousa que poidan. Sinceramente, é unha afección que merece ver ao equipo moito máis arriba, porque viven o fútbol dunha maneira espectacular.”
GS: Aos teus 38 anos segues sendo unha peza vital dentro do equipo. ¿Que é o que te segue mantendo competindo e desfrutando do fútbol?
David Louro:
“O amor por este deporte. Non me gusta correr sen un balón de por medio, nada! Jajaja. Pero cando hai balón, esquéceme o mundo: só penso en xogar, desfrutar e competir.”
GS: Mirando atrás, ¿en que cambiou David Louro co paso dos anos?
David Louro:
“Antes tomaba o fútbol como un traballo; agora, como o que realmente debería ser sempre: un hobby.”
⚡ 🔵 COÑECENDO A DAVID LOURO ⚽🔥
🎵 Unha canción antes dun partido importante
“‘Champions League’, de Tony Britten… pouco orixinal, jajaja.”
🏟️ Un campo especial para ti
“O Roxo e tamén San Lázaro.”
⚽ Un gol que nunca esquecerás
“O gol da vitoria no desconto contra o Celta en División de Honor co xuvenil do Dépor.”
💪 Unha cualidade que te defina dentro do campo
“Personalidade.”
🍀 Unha manía antes de xogar
“Non teño manías.”
💙 ¿Que significa o Visantoña para ti?
“Familia.”
💬 Unha palabra para definir este ascenso
“Satisfacción.”
