ACTUALIDAD

Josema Martínez : “O importante é que os rapaces e rapazas sexan felices practicando fútbol”

O C.F. Dumbría leva anos destacando polo seu traballo coa base e pola aposta pola formación dos máis novos. Dende 2022, a coordinación deportiva do club está en mans de José Manuel Martínez Domínguez, “Josema”, quen asumiu o reto con tan só 26 anos. Nesta conversa repasamos a súa chegada ao cargo, o funcionamento da canteira, o papel do primeiro equipo e os retos de futuro dun club que segue medrando.


GS: Josema, levas dende 2022 como coordinador do Dumbría. Como recordas a túa chegada ao cargo?

“A chamada para ocupar o posto de coordinador dun club coma o C.F.Dumbría colleume por sorpresa.”

JM:
Recordo que foi algo inesperada. A tempada anterior viña de estar como segundo adestrador do equipo senior do Muxía, non tiña experiencia nese cargo e tiña só 26 anos. Sinceramente, a chamada para ocupar o posto de coordinador dun club coma o C.F.Dumbría colleume por sorpresa.
Estoulle moi agradecido a César Ferrío como presidente e o resto de directiva por apostar por min.


GS: Que foi o que te motivou a aceptar o reto de ser coordinador do club?

“Borja Facal é un referente para min e un exemplo a seguir.”

JM:
Era perfectamente consciente da responsabilidade que requería asumir ese reto pero non podía non intentalo. Como dixen, non tiña experiencia no cargo pero si tiven a oportunidade de aprender na miña etapa como adestrador na base do Bergantiños de Borja Facal. É un referente para min e un exemplo a seguir. A día de hoxe, cando me surxe un problema, aínda penso en como o solucionaría el e sigo pedíndolle consello. Ademais tamén foi un dos que me impulsou a vivir esta experiencia e me fixo crer que estaba preparado.


GS: Cando asumiches o posto, que obxectivos te marcaches para o proxecto deportivo?

“O obxectivo era plantar as raíces ese primeiro ano para brindarlle aos rapaces e rapazas a mellor formación deportiva posible.”

JM:
Cheguei en agosto, coa pretempada a piques de comezar e sen moito tempo a planificar, non foron inicios sencillos pero sabía ao que me enfrentaba.
Os obxextivos competitivos a corto plazo era manter a categoría cadete e xuvenil en liga galega (o que finalmente non se conseguíu). Máis a longo plazo o obxectivo era plantar as raíces ese primeiro ano para brindarlle aos rapaces e rapazas a mellor formación deportiva posible e que o club seguise crecendo.
Tíñamos déficit de adestradores, de rapaces/as en algunha categoría de f8 e foron cousas nas que o club actualmente medrou.


GS: Para quen non o saiba, que funcións ten exactamente o coordinador dentro dun club como o Dumbría?

“No verán hai que ter todo listo para que todo arranque con normalidade.”

JM:
Por un lado están as labores administrativas; xentión das licenzas federativas, partes de lesión, control de horarios ou calquera outro trámite da intranet.
No ámbito deportivo o máis visible e recoñecible de cara a xente seguramente sexa a confección das plantillas, especialmente en categorías de rendemento. No verán hai que ter todo listo para que todo arranque con normalidade e para iso é moi importante a planificación que se leve a cabo durante o ano.


GS: Como é o día a día de Josema como coordinador do club?

“O importante é que os rapaces e rapazas sexan felices practicando este deporte.”

JM:
Este ano a maiores de estar na coordinación adestro tamén ao equipo xuvenil.
Penso que os pequenos detalles son os que marcan a diferencia e hai que estar atentos a eles, aínda que as veces non chegamos a todo. Tratas con moitas persoas, todos formamos parte desta comunidade e paréceme importante empatizar con cada situación para intentar que familias e adestradores entendamos que o importante é que os rapaces e rapazas sexan felices practicando este deporte e axudemos a súa formación, non só como futbolista senón tamén como persoa.


GS: Que é o máis bonito e que é o máis complicado deste posto?

“Cando algo che gusta a dedicación poslla sen case darte nin de conta.”

JM:
Cando todo remata ti non paras, encadeas unha tempada con outra, de feito é cando máis se acumula todo.
Creo que todos os que estamos no fútbol sabemos que necesita moita implicación e creo que non pode ser doutra maneira. Hai que ser o máis profesional posible fagas o que fagas, no momento que non sexa así hai que plantearse deixalo, xa que non te perxudicas só a ti mesmo senón que xogas coa educación de moitos nenos e nenas.
No meu caso creo que me costaría moito vivir sen o fútbol, cando algo che gusta a dedicación poslla sen case darte nin de conta e os beneficios a nivel personal son moito máis grandes que os pequenos contras que poidas ter.


GS: O Dumbría sempre tivo unha canteira importante. Que papel xoga dentro do proxecto do club?

“A maior parte dos xogadores que o ano pasado ascenden a preferente pasaron antes pola canteira.”

JM:
O Concello de Dumbría leva moitos anos apostando polo deporte de formación, non só a nivel local senón que cunha visión comarcal.
Pola situación demográfica da nosa contorna, os rapaces e rapazas de aquí non tiñan as mesmas oportunidades de competir en categorías de nivel superior que outros de zonas con núcleos de poboación máis centralizados. O C.F.Dumbría foi dos primeiros en conseguilo de maneira estable e cremos que chegando a idades onde xa existen categorías de rendemento poder competir nelas axuda ao seu crecemento como futbolistas.
Un exemplo esta en que a maior parte de xogadores que o ano pasado ascenden a preferente pasaron antes pola canteira. E esto non só acontece internamente dentro do club senón que outros equipos da comarca tamén se nutren nos seus equipos sénior de moitos xogadores formados na base do Dumbría. Algún incluso chegando a competir en categorías superiores.
No tocante ao feminino, creado recentemente, quixémoslle dar un enfoque similar. Neste auxe do fútbol femenino quixemos fomentalo dende a creación dunha base con equipos alevín, cadete e este ano infantil, que en pouco tempo xa está a dar os seus froitos.


GS: Como coordinador, que buscas transmitir aos adestradores e aos xogadores máis novos?

“A labor dende a coordinación consiste en velar polo mellor para todos.”

JM:
Principalmente dende este papel hai que cambiar o enfoque.
A veces os adestradores pecamos de ser egoístas e mirar só polo noso equipo e a labor neste caso dende a coordinación consiste en velar polo mellor para todos. Que tanto adestradores e xogadores/as o entendan así é fundamental para crear unha identidade de club que nos faga medrar nunha mesma dirección.


GS: Que valores intentades inculcar aos rapaces máis alá do fútbol?

“Formamos parte da súa educación.”

JM:
Todos os que adestramos temos unha grande responsabilidade. Temos que ser conscientes de que formamos parte da súa educación e de que normalmente veñen facer algo que lles gusta, desenvolvendo un contexto moi favorable a aprender dende a emoción.
O deporte ten a capacidade de propiciar as ferramentas para resolver situacións que nos podemos atopar na nosa vida cotiá, e somos nós os que podemos axudarlle a conseguilas.


GS: O primeiro equipo é a referencia do club. Que importancia ten dentro do proxecto do Dumbría?

“É unha cadea, para que o primeiro equipo funcione a base tamén debe facelo.”

JM:
É unha cadea, para que o primeiro equipo funcione a base tamén debe facelo e retroalimentarse un ao outro.
Tanto o sénior masculino como feminino deben ser o espello no que mirarse.


GS: Como valoras o momento actual do primeiro equipo?

“Intentamos adaptarnos ás circunstancias e esforzarnos en manter a categoría.”

JM:
Sabíamos que ía ser duro, os saltos de categoría sempre o son. Ademais as baixas de Dani Chao por lesión e Antón por estudos coa pretempada a piques de comezar, a qué se lle engadíu a de Canario a principios da pretempada obrigounos a ter que axustar a planificación sen tempo para facelo. A isto hai que sumarlle as lesións de Pablo Paz e Marcos da tempada anterior e a de Breixo e Xabi na metade desta, todas elas de larga duración. O que nos deixou moi mermados, especialmente na parcela defensiva.
Aínda así intentamos adaptarnos as circunstancias e esforzarse en manter a categoría. Pablo Conde leva facendo moi bo traballo durante moitos anos con este grupo, non só en senior senón tamén na base, onde xa adestrou a algún deles. É outro exemplo da aposta do club pola continuidade entre a base e o primeiro equipo.


GS: Que ten o Dumbría que o fai un club especial?

“Ser inconformistas.”

JM:
Ser inconformistas. Ter gañas por seguir medrando, mellorando e innovando cada ano.


GS: Nun club hai moitas persoas que traballan para que todo funcione. A día de hoxe, que persoas destacarías dentro do Dumbría?

“Serguei encarna á perfección os valores que ten que ter este club.”

JM:
O piar fundamental sempre son os xogadores e as xogadoras.
É certo que para que eles poidan disfrutar deste deporte hai moita xente que fai un esforzo para que teñan as mellores condicións posibles para poder facelo.
Sería inxusto destacar a uns poucos e outros non, non me quero olvidar de ninguén e todos teñen un papel importante no funcionamento do club. Adestradores, directivos, traballadores do concello, da cafetería, voluntarios en certos eventos, patrocinadores, socios…
Pero xa que me pedides que me molle vouno facer só con un (en contra da súa vontade seguro).
Se me dis cal é o seu traballo non volo sei explicar, porque fai de todo o que vos poidades imaxinar para o club. Ese é Serguei, sempre na sombra e sempre a disposición do club, da igual o día e a hora. É co que máis en contacto estou no día a día, admiro a capacidade que ten por seguir progresando despois de tantos anos. Creo que encarna á perfección os valores que ten que ter este club.


GS: Mirando cara ao futuro, que retos ten o Dumbría como club?

“Devolver a todas as categorías de base de fútbol 11 ás ligas galegas é unha espiña que teño clavada.”

JM:
Como dixen, hai que mirar ao futuro con ambición, o traballo feito e os éxitos conseguidos están aí pero sempre hai cousas que se poden facer mellor.
Conseguir devolver a todas as categorías de base de fútbol 11 as ligas galegas é unha espiña que teño clavada. O ano pasado a reestructuración das ligas da base afectounos moi negativamente e empañou unha tempada de bos resultados, deixándonos este ano nunha situación peor, pasando de ter o cadete e xuvenil nunha liga superior a só ter o cadete en preferente e deixando ao equipo infantil sen premio por gañar a liga.
Intentaremos logralo esta tempada!


GS: Para rematar, que mensaxe che gustaría mandar aos xogadores, ás familias e á afección do club?

“Seguiremos traballando para intentar facelo cada vez mellor.”

JM:
Agradecerlles que confíen en nós para deixar ás súas fillas e fillos nas nosas mans e permitir que formemos parte da súa educación. Seguiremos traballando para intentar facelo cada vez mellor.

Compartir en: