ACTUALIDADPROTAGONISTAS

30 goles, un nome propio: Noe García


O pichichi da liga analiza o momento do Ordes

O JOGAFAN Ordes F.S. afronta este tramo da tempada nun momento sólido: cuarto clasificado e cunha soa derrota nos últimos nove encontros. Parte deste bo rendemento ten nome propio. Noe García, pichichi da liga con 30 goles en 16 partidos, está a vivir a súa primeira tempada sénior converténdose nunha peza clave dentro do equipo. Falamos con el sobre o momento colectivo, a súa evolución persoal e o significado de vestir a camiseta do club da súa vida.



O JOGAFAN Ordes F.S. é actualmente 4º clasificado e só perdeu un partido nos últimos nove. Como valoras o momento actual do equipo?

Considero que estamos nunha moi boa dinámica grupal e que estamos levando a cabo o mellor xogo posible ata o momento. “Somos unha gran piña e hai un moi bo ambiente no vestiario”, algo que se ve despois reflexado na pista.


A nivel persoal es o máximo goleador da liga, con 30 goles en 16 partidos. Como estás vivindo esta tempada?

Esta tempada, que é a miña primeira a nivel sénior, está sendo moi bonita. “Xa non só polo rendemento individual, senón pola gran tempada do equipo”. Eses goles que levo tamén reflexan o apoio e a confianza dos meus compañeiros e das persoas do club que sempre están aí para axudarme en todo.


Desde fóra percíbese un Ordes moi competitivo e regular. Onde cres que está a clave desta boa dinámica nas últimas xornadas?

Penso que “a clave está na confianza e no apoio que temos uns cos outros”, xa que todo o plantel está formado por persoas que levamos tempo compartindo vestiario e traballando co mesmo adestrador. Iso axuda moito á hora de comunicarnos e lograr os mellores resultados posibles, sobre todo nestas últimas xornadas nas que xa estamos máis rodados.


En colectivo, que cambiou ou se consolidou para que o equipo só perdera un partido nos últimos nove?

Non penso que cambiáramos nada en particular. “É simplemente un reflexo de todo o traballo que levamos facendo durante a tempada” e que agora se está vendo reflectido nos resultados das últimas xornadas.


Como máximo goleador, sentes unha responsabilidade especial nos momentos importantes ou afróntalo con naturalidade?

Non sinto que teña unha responsabilidade especial, pero si que é verdade que polo apoio e cariño que recibo constantemente sinto que “teño que dar o mellor de min para axudar da mellor maneira posible”. Evidentemente, se esa axuda chega en forma de goles, mellor.


A nivel persoal, que cres que che está saíndo mellor este ano dentro da pista?

Sinto que este ano “estou madurando máis dentro do meu xogo”. Xa non só en goles, senón tamén noutros aspectos que considero igual de importantes, como a defensa ou unha maior capacidade para entender os momentos do partido e o que pode necesitar o equipo en cada situación.


Máis alá dos goles, que che pide o corpo técnico dentro do sistema do JOGAFAN Ordes?

Pídenme moito traballo defensivo, algo no que este ano noto unha gran melloría e que tamén está relacionado con atoparme nunha mellor forma. Ademais, pídenme desborde, atreverme a encarar e ter confianza para xerar ocasións de perigo para o equipo.


A liga está moi igualada. Que equipos ves máis fortes na loita polos postos altos?

Penso que a liga vai estar moi peleada ata o final, principalmente por Meigallos e A Baña, que son os que están marcando un ritmo máis elevado. Nos postos de play-off estamos varios equipos na loita, polo que “nunca se sabe que pode pasar ata o final”.


Mirando ao que resta de tempada, que obxectivo real vos marcades como grupo?

Tendo en conta o gran momento que estamos tendo e a confianza depositada nesta tempada, o obxectivo é volver xogar por segundo ano consecutivo a fase de ascenso, clasificándonos para o play-off.


Que significa para ti o JOGAFAN Ordes?

Para min “é o equipo da miña vida”. Non é só o club no que comecei a xogar desde neno, senón que o considero a miña casa, o lugar onde puiden desfrutar do que máis me gusta e do que foi, é e será a miña maior paixón: o fútbol sala.


Para pechar, que mensaxe che gustaría enviarlle á afección do Ordes esta tempada?

Á afección gustaríame dicirlles que confíen sempre en nós e que estean ao pé do canón co equipo en todo momento. “Ter o Castelao II cheo significa xogar cun máis na pista”, polo que lles pido que no que resta de tempada acudan o máximo posible a animarnos para lograr cousas bonitas xuntos.


Coñecendo a Noe García

JOGAFAN Ordes F.S. | Máximo goleador da liga

O teu equipo favorito
Jogafán Ordes e Deportivo da Coruña serán sempre os dous equipos da miña vida.

Un xogador ou deportista referente
Ferrao, así fun coñecido sempre desde que levo xogando e para min foi sempre un gran referente pola súa constancia.

Unha comida que nunca falla
Non podo vivir sen os dürums do meu gran amigo Ismail cando se pode pegar un capricho.

Unha canción antes dun partido
Hora cero, de Myke Towers.

Un lugar no que desconectes
No pavillón.

Unha manía ou ritual antes de competir
Rezar e comer un plátano.


Compartir en: