ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE A COPA CIDADE DA CORUÑA NO COLISEUM CON SETECENTOS PARTICIPANTES
Como todos os anos, a organización realizará unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da cidade herculina
Esta fin de semana (15 e 16 de febreiro) celebrarase a XIX edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo no Coliseum da Coruña con algo máis de 700 participantes. Como todos os anos, a organización realizará unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da cidade herculina. Entrada de balde.
En total, neste gran evento contarán con 700 deportistas procedentes Asturias, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias e, por suposto, Galicia, ademais dunha importante presenza de taekwondistas de Portugal (procedentes de 9 clubs). O torneo é rankeable a nivel galego.
A Copa Cidade da Coruña, organizada pola Escola de Taekwondo Garrapucho co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia, disputarase na modalidade de combate en todas as categorías e ademais en infantil, precadete e cadete haberá Liga B, para que aqueles participantes que perdan no primeiro combate, poidan seguir competindo. Para a celebración de todos os combates disporanse 8 tapices octogonais no Coliseum e ademais haberá video-replay e petos electrónicos.
O sábado pola mañá (de 9 a 13:30 horas) celebrarase a competición das categorías infantil e júnior, mentres que pola tarde (de 15:30 a 20:00 horas) será a quenda para precadetes, sénior e máster. A Copa Cidade da Coruña finalizará o domingo pola mañá (de 9 a 13:30) coa disputa da categoría cadete.
Como todos os anos, a Escola de Taekwondo Garrapucho organiza unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da Coruña, con máis de 130 anos de historia. A entrada ao recinto será gratuíta, polo que a organización anima a todos os participantes no evento (deportistas, árbitros, técnicos e público) a doar alimentos non perecedoiros, que se entregarán a esta institución benéfica, que da comida aos máis desfavorecidos os 365 días do ano.