ACTUALIDAD

Ouro para Alma Pérez e pratas para Tania Castiñeira e Sergio Troitiño, no Open de Canadá

Por FGT

O taekwondo galego logrou tres medallas (un ouro e dúas pratas) no Open de Canadá, que se celebrou o día 8 de febreiro en Montreal. Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro) logrou o título, mentres que Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Sergio Troitiño (-87, Mat´s) acadaron a medalla de prata.

En -53, Alma Pérez gañou un total de catro combates para acadar o ouro. A galega arrincou o torneo ante Bobbi Monique Villasenor (USA) e superou esta rolda en dous asaltos e con moita superioridade. Nos cuartos de final enfrontouse a Sophia Fokes (Canadá) e Alma volveu vencer en dous asaltos, aínda que estiveron un pouco máis axustados. Na semifinal esperaba a representante de México, Nadia Ferrerira, e outra vez a taekwondista do Costado TKD Boiro foi moi superior e resolveu en dous rounds. Así, logrou plantarse na final, fronte a Magdalini Klakala (Grecia). Posiblemente foi a loita máis dura, aínda que Alma logrou resolver sen necesidade de acudir ao desempate. No primeiro asalto tocou remontar e Alma venceu por 13-7 e no segundo, non lle deu opción algunha (11-0), para lograr así unha merecidísima medalla de ouro, coas mellores sensacións.

Sergio Troitiño acadou a medalla de prata e acariñou o ouro en moitos momentos da final. O torneo arrincou nos cuartos de final ante o colombiano Marlon Kisisely Pérez e Sergio logrou eliminalo de forma moi rotunda en dous asaltos (13-0 e 12-0). Na semifinal, Troitiño enfrontouse ao canadiense Charlelie Mercier e novamente foi un combate sen moita historia, cun taekwondista galego tremendamente superior (15-1 e 13-8). E así logrou plantarse na final, onde esperaba o estadounidense Michael C. Rodríguez. Foi un combate moi esixente, disputado e emocionante, que se decidiu en tres asaltos. O galego do Mat´s perdeu nos últimos segundos (3-10, 5-4 e 6-8). Enorme actuación de Troitiño no Open de Canadá.

No peso pesado, medalla de prata para Tania Castiñeira que fixo un gran Open e con fantásticas sensacións. En primeira rolda, Tania enfrontouse a Christina Kibassa, unha deportista de gran envergadura, pero a galega soubo como pelexar contra ela e venceu en dous asaltos. Na semifinal, a taekwondista do Hebe tivo enfronte a Paloma García (México) e novamente, Tania non tivo problemas para vencer en dous rounds. Na final, Castiñeira loitou contra Naomí Alade (USA) e caeu en dous asaltos, moi disputados. O primeiro estivo igualado ata os últimos dous segundos, no que Naomí logrou puntuar, e o segundo tamén caeu a favor da estadounidense, que se levou o ouro.

Compartir en:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *